luns, 25 de maio de 2020




RICARDO CARVALHO CALERO





 PROFESOR DE PROFESORES E MESTRE DE MESTRES

Entrevista a Beni Vidal,  alumna de Ricardo  Carvalho Calero  e profesora do Eusebio  da Guarda

https://docs.google.com/document/d/1ivsez8KNfVpoo0_YqyRXg2-BSYTpSRLCXZLWh3Hc9Ck/edit




LETRAS GALEGAS 2020: RICARDO CARVALHO CALERO

















Entrevista a Beni Vidal, exalumna de Ricardo Carvalho Calero, hoxe profesora de Lingua e Literatura Galegas no IES Eusebio da Guarda 
(realizada polo alumnado de 1º de ESO do Centro)
-Bo día profesora, un pracer coñecela. En primeiro lugar queriamos agradecerlle que nos permita facerlle unhas preguntas sobre o seu antigo profesor e actual homenaxeado no Día das Letras Galegas para coñecelo mellor. 
P- Para comezar, como se sentiu vostede ao saber que un profesor seu ía ser homenaxeado no día das Letras Galegas? 
R- Bo día, sentín unha grande alegría, primeiro porque é unha honra ser alumna dun homenaxeado co Día das Letras Galegas, e segundo porque Don Ricardo o merecía. 
P-En que curso/s foi vostede alumna de Ricardo? 
R- Fun alumna del na USC no curso 1977-78 na materia de Lingua Galega, cando facía 3o de Filoloxía Hispánica e no 78-79 na materia de Literatura Galega I cando facía 4o. 
P- Era un bo profesor, é dicir, explicaba ben o temario? 
R- Era un profesor magnífico, dos que saben de todo, como aqueles homes do Renacemento que abarcaban todos os saberes. El seguía nas clases a súa gramática: Gramática Elemental del Gallego Común que publicara en 1974, pero o máis actractivo das súas clases eran as explicacións que facía de calquera das palabras que saían nos textos, podía falar toda unha hora das “chorimas” e dos “toxos ”ou do “rechouchío” dos paxariños. 
P- Desfrutaba vostede das súas clases? 
R-Si desfrutaba moito de todo o que nos contaba. 
P-Era o seu profesor favorito? Se o era, por que? 
R- Non sei se era o meu profesor favorito, pero admirábao polo que sabiamos da súa traxectoria vital, por ser o primeiro catedrático de Lingua Galega da USC e por desprender esa aura polos corredores, propia só daquelas persoas dignas de admiración. 
P- Se tivese que describilo coma profesor cunha palabra, cal sería? 
R- Compromiso. Comprometido coa lingua e comprometido con Galicia. 
P-As súas clases eran amenas ou aburridas? Contaba anécdotas? 
R- Xa dixen que era un saco de sabedoría e polo tanto nunca nos aburríamos porque sabía engaiolarnos coas palabras e anécdotas que contaba para acompañar as súas explicacións máis complexas. 
P- En canto a carácter, era bo ou soía estar enfadado? 
R- Lembro que era serio, esixente, cría no esforzo, era cordial, pero distante. 
P- Mandaba moitas tarefas? Corrixía rápido os exames? 
R-Non me lembro, pero debía ser bo porque non teño gravado na mente nada negativo. 
P-Era doado aprobar con el? 
R-Era esixente, pero ao que se esforzaba premiábao con boas notas. 
P-Tiñades que ler os seus libros? 
R-Non, as obras que liamos eran doutros autores da literatura Galega. 
P-E nas clases falábavos das súas obras? 
R-Non falaba das súas obras. 
P-Daba as clases en galego-portugues ou en galego -castelán? 
R-Falaba en galego e tamén en castelán, non lle importaba cambiar de lingua se precisaba explicar algo e así se entendía mellor. 
P-Enfadábase con facilidade se non atendía o alumnado? 
R-Lembro que non lle gustaba que se fumase na aula (porque naquel momento podíase facer) e algunha vez incomodouse moito e ameazou con marchar da clase se non deixaban de fumar. 
P-Aprendiches moito nas súas clases? 
R- Era a primeira vez que tiñamos unha materia de Lingua galega no ensino e gustábanos aprendelo academicamente. Tanto me gustou que nunca máis o deixei. 
P-Sabía transmitir a paixón pola lingua e a literatura aos seus alumnos? 
R-Era marabilloso escoitalo, como recitaba as cantigas medievais, como nos falaba de Cunqueiro ou como nos explicaba as sibilantes e o “yeísmo”. 
P-Tiña algunha frase típica que repetise ou algunha medida de disciplina característica del? 
R-Só lembro que nos trataba de “vostede”, era moi formal. 
P- De que maneira influíu na súa vida? Ter a Don Ricardo como mestre influíu na súa decisión de ser profesora? 
R- El fixo que amase a nosa lingua e tamén foi un exemplo de compromiso digno de imitar. 
P-Se o profesor estivese vivo, que pensades que diría sobre a supervivencia do galego? a confluencia co portugués podería servir para sobrevivir? 
R-Creo que a súa opción seguiría sendo a mesma hoxe: “a salvación do galego está no portugués”. 
P-Lembra se durante as súas clases facía referencia á represión vivida durante a Guerra Civil Española ou se era un episodio do que non adoitaba falar? 
R-Non adoitaba falar, pero todos sabiamos que fora un represaliado do franquismo, de aí o respecto que todos sentiamos por el. El era don Ricardo, o único a quen chamabamos así. 
P- E por último, cal cre que sería a súa reacción se soubese que foi homenaxeado no Día das Letras Galegas? 
R- Non sei, creo que máis ca por el, gustaríalle polo que representa a súa opción lingüística, tantas veces deostada e tamén polo legado da súa obra, un ben inmorredoiro na nosa Lingua e Literatura. 
- Moitas grazas por concedernos esta entrevista, ata logo! 
Esta entrevista foi realizada polo alumnado de 1o ESO do IES Eusebio da Guarda da Coruña, en lembranza do profesor Ricardo Carvalho Calero, homenaxeado este ano polas Letras Galegas. Foron coordinados/as polas súas profesoras de Lingua e Literatura Galegas Iolanda Vila e Dulce Fernández Graña. 
Alumnado participante: Shaila Gil Velasco, Mara Balay Martínez, Mario Rodríguez Díaz, Jorge Martín Moreno (1o ESO A). Lucía Bóveda Goyanes, Xacobe Carrero, Alexandre Fernández Cortiñas, Lola Fernández López, Ainara Guillermo Losada, Óscar Hermida Rodríguez, Martín Toja Caínzos, Manuel Torrado Sánchez, Lucas Valcuende Diz (1o ESO B). Joan Arias Gil, Tomás Boquete Viéitez, Lucas Castro Cano, Claudia Díaz López, Lucas Fernández Varela, Pablo Fraga Vidal, Yago Gómez Remuiñán, Héctor Gutiérrez Insua, Iria López Iglesias, Jorge Mujico Moreira, Raquel Oviedo Iglesias, Yolanda Rey Chenlo, Ainara Suárez Ochoa, Paula Vega Méndez (1o ESO C). Sebastián Birro Hurtado, Clara García Ouro, Brais Blanco González, Miguel Moya del Río, Mencía Fondo Santos, Icía Amboage Maneiro (1o ESO D). 

A Coruña, maio 2020 

domingo, 17 de maio de 2020


LETRAS GALEGAS 2020




Ricardo Carballo [Carvalho] Calero







Ricardo Carballo Calero (Ferrol, 1910 – Santiago de Compostela, 1990) é unha das figuras máis importantes da cultura galega do século XX, en especial pola súa contribución ao estudo da literatura galega, polo maxisterio que exerceu como primeiro profesor e catedrático universitario de Lingüística e Literatura Galega e pola influencia que atinxiron as súas ideas sobre o idioma galego. Unha traxectoria tan rica e intensa non é doada de resumir nos límites dunha aproximación necesariamente sintética coma a presente, polo que quedarán fóra aspectos merecentes de atención e matices de relevo. Ao final desta achega ofrecerase unha bibliografía selectiva, ordenada por xéneros e, dentro de cada apartado, por secuencia cronolóxica.
 Para simplificar unha presentación esquemática, a súa traxectoria vital pode dividirse en cinco tramos, de duración desigual: a) infancia e adolescencia en Ferrol (1910-1926), b) xuventude estudantil en Compostela (1926-1932) e iniciación á vida adulta en Ferrol (1932-1936), c) o tempo das tribulacións, marcado polo trauma da guerra e as represalias da posguerra (1936-1950), d) madureza, cunha primeira etapa centrada no colexio Fingoi de Lugo (1950-1960), seguida dun período de plenitude (1960-1980), que atinxe o seu clímax tras o seu establecemento como profesor en Compostela (1965) e, sobre todo, cando gaña a cadeira universitaria de Lingüística e Literatura Galega (1972), cidade esta que se tornaría en residencia definitiva despois da súa xubilación oficial, e) que lle permitiu desenvolver unha intensa actividade como orador e publicista ata o seu pasamento (1980-1990).
Os sucesivos treitos da súa biografía corresponden de xeito aproximado coas catro etapas da súa fecunda traxectoria intelectual: anos de formación, compromiso galeguista e revelación como poeta (ata 1936), tempos de guerra, de prisión e de represión (ata 1950), dedicación intensa á historia e a crítica da literatura galega (ata 1980), atención prioritaria aos problemas da lingua e desenvolvemento da súa proposta reintegracionista (ata 1990). Obviamente, as distintas facetas da súa personalidade e as diferentes dimensións da súa carreira intelectual entrecrúzanse e solápanse en cada etapa da súa traxectoria: o seu afán de estudoso e crítico literario espreita xa na primeira etapa da súa vida e non cederá ata o ocaso, mentres que o seu labor creativo —primeiro e sempre como poeta, despois tamén como narrador e autor teatral—foi incesante; as súas incursións lingüísticas aparecen ao comezo vencelladas aos seus estudos literarios, despois virarán cara ao plano didáctico e desembocarán nos problemas da codificación e da política lingüística.
No plano persoal, a súa vida está marcada por unha infancia e adolescencia difíciles —evocadas no relato "O lar de Clara"—, debido á morte prematura da súa nai e pouco despois da súa madrasta e á consecuente amargura do seu pai. A súa formación no ambiente do galeguismo e da República, o maxisterio dos mestres da xeración Nós e o seu vencellamento con algúns dos escritores e intelectuais máis brillantes do seu tempo resultaron decisivos na súa singradura intelectual. O tramo máis longo e decisivo da biografía de Carballo Calero, dos 26 aos 65 anos, está marcado pola guerra —unha terrible experiencia que rememora vividamente na novela Scórpio—, a represión e a ditadura franquista. O seu carácter rexo e severo, a súa lealdade ao galeguismo, o seu amor pola liberdade, a inspiración dos mestres e o apoio dos seus compañeiros de xeración permitíronlle resistir e avanzar superando atrancos de todo tipo, e a contracorrente dun ambiente político, cultural e social opresivo e miserento. A enerxía da súa paixón polo estudo, a potencia do seu estro creativo e unha entrega incondicional e sacrificada ás tarefas que asumiu permitíronlle desenvolver unha ampla e densa, ao tempo que diversa e rica, obra académica, literaria, didáctica e divulgativa.
GALEGUISMO, GUERRA E REPRESIÓN (1910-1950)
Nado no Ferrol Vello nunha familia acomodada, Ricardo Carballo Calero puido realizar os estudos primarios e medios na súa cidade natal e, unha vez aprobado o bacharelato na Coruña, trasladarse con dezaseis anos a Santiago de Compostela para estudar Dereito, ben que a súa vocación o inclinaba máis ben para Filosofía e Letras. Nesta cidade residiu mentres cursaba a carreira e durante o ano en que fixo o servizo militar (1926-1932). Alí desenvolveu unha intensa actividade intelectual e política: entrou axiña en contacto co galeguismo artellado arredor do Seminario de Estudos Galegos, do que chegou a ser secretario, e mantivo unha estreita relación cos seus principais persoeiros.
Destacado líder dun movemento estudantil moi activo contra a Ditadura de Primo de Rivera, após a proclamación da IIª República participou na fundación do Partido Galeguista (1931), nas mobilizacións a prol da galeguización da Universidade e no proceso de redacción do Estatuto de Autonomía para Galicia (1931-1932). Así, xunto a Lois Tobío redactou o anteproxecto de Estatuto presentado polo SEG. Destes anos de mocidade datan as súas primeiras obras literarias: os poemarios Trinitarias (1928) e La soledad confusa, en castelán, e Vieiros (1931) e O silenzo axionllado (1934), en galego. Ao mesmo tempo, revélase como orador nas ringleiras da Federación Universitaria Escolar (FUE), e como publicista, con ensaios sobre a literatura galega coetánea e artigos de opinión en diversas publicacións, como a revista Nós e o boletín galeguista A Nosa Terra.
Rematada a carreira de Dereito, instálase en Ferrol como administrativo municipal e casa cunha compañeira de estudos, Ignacia Ramos (1933). Pero, dando preferencia á súa auténtica vocación, decide rematar os estudos de Filosofía e Letras (que cursa "por libre") e unha vez acadado o título (1936), prepara oposicións para ingresar na carreira docente. Con esta finalidade, trasládase a mediados de 1936 a Madrid, onde o sorprende o golpe militar. Alistado nas milicias republicanas, loitou na defensa da capital, posteriormente obtivo en Valencia o grao de tenente e foi trasladado a Andalucía, onde o sorprendeu a fin da contenda (1939). Apresado polas forzas franquistas e acusado de «separatista», é condenado a 12 anos de prisión. Despois de cumprir dous anos de cárcere en Xaén, foi posto en liberdade provisoria pero inhabilitado para acceder a empregos públicos, polo que se viu obrigado a sobrevivir penosamente na súa cidade natal, traballando no ensino privado. Ao seu regreso coñeceu a súa filla maior, Margarita ("Magali"), que nacera en 1936; pouco despois o matrimonio tería a súa segunda filla, María Victoria (1942).
A PRIMEIRA MADUREZA (1950-1965). ANOS LUGUESES
O ano de 1950 marca un antes e un despois na súa biografía. Nesa data trasladou a súa residencia a Lugo para dirixir o Colexio Fingoi, fundado polo empresario galeguista Antonio Fernández, que constituíu un viveiro de innovación educativa no medio do escurantista panorama do franquismo. Retoma a publicación da súa obra poética, que viña enriquecendo desde 1936, co volume Anxo da Terra, ao que seguiría dous anos despois Poemas pendurados de un cabelo (Lugo, 1952) e xa aos comezos da década seguinte, Salterio de Fingoy (1961). Aquel mesmo ano de 1950 fundábase a Editorial Galaxia, un proxecto que agrupou o galeguismo resistente no exilio interior, presidido por Otero Pedrayo e capitaneado por Ramón Piñeiro e Francisco Fernández del Riego, que foi fundamental na continuidade e revitalización da cultura galega, e no cal Carballo se comprometeu intensamente desde o primeiro momento. Así, a súa sinatura aparece xa no número 3 da Colección Grial e no volume Sete ensaios sobre Rosalía (1952). Tamén en 1950 gaña o premio de novela galega convocado por Bibliófilos Gallegos coa obra A xente da Barreira, primeira novela en galego publicada na posguerra (1951).
Ao longo da década dos cincuenta retoma a súa actividade de publicista, colaborando —ás veces baixo pseudónimo—na prensa diaria (La Noche), en revistas literarias (AlbaAturuxo) e en publicacións especializadas (Cuadernos de Estudios Gallegos). Asemade, durante aquela década dá pasos decisivos na súa carreira. Así, en 1954 doutorouse en Madrid cunha tese que no ano seguinte iría ao prelo baixo o título Aportaciones a la literatura contemporánea, ao mesmo tempo que Galaxia publica a versión (previa e máis reducida) en galego desa obra, titulada Sete poetas galegos, en que estuda a obra de Rosalía, Pondal, Curros, Noriega Varela, Cabanillas, Amado Carballo e Manuel Antonio. Carballo conságrase así como o principal estudoso das letras galegas, poñendo os alicerces da que será a súa contribución capital, publicada nas dúas décadas seguintes. Por parte, dentro da estratexia deseñada polo grupo Galaxia para a recuperación da Academia Galega, que viña languidecendo desde a guerra, en 1958 ingresa na RAG co discurso Contribución ao estudo das fontes literarias de Rosalía.
A MADUREZA PLENA (1960-1980). FILÓLOGO DE GALAXIA
Durante os tres lustros que van de 1960 ata 1975, Carballo consagra o groso dos seus esforzos ao seu labor filolóxico, en particular no campo da historia literaria. A inicios do curso 1965-66 a Universidade de Santiago de Compostela —única en Galicia ata 1990— comeza a ofrecer materias de lingua e literatura galegas na Facultade de Filosofía e Letras, que quedan a cargo de don Ricardo. Ao tempo, levantada a inhabilitación que pesaba sobre el desde 1939, aproba as oposicións para o ensino medio e comeza a dar clases no Instituto Rosalía de Castro de Santiago de Compostela, onde tamén foi profesora a súa dona. Sete anos máis tarde, en 1972, convértese no primeiro catedrático de Lingüística e Literatura Galega da USC, xa con dedicación exclusiva á universidade.
Nos vinte anos da súa madureza plena publica as súas monografías máis importantes: a Historia da Literatura Galega Contemporánea, da que inicialmente aparece un primeiro volume (1963), dedicado ao século XIX, e finalmente un volume único, que abrangue ata 1936 (1975), e a Gramática elemental del gallego común (1966). Ambas as obras foron encargadas e editadas por Galaxia, e constituíron manuais de imprescindible manexo polos primeiros estudantes universitarios de filoloxía galega. A Historia da Literatura Galega Contemporánea, traballo monumental que funda un campo de estudos, ofrece un relato sistemático e exhaustivamente documentado da construción da literatura en galego na idade contemporánea, sentando o criterio filolóxico (a literatura galega é a escrita en lingua galega) e establecendo cun fundamento crítico rigoroso un canon de autores clásicos e unha organización xerárquica do conxunto da produción. É unha obra da súa autoría exclusiva, pero dadas as súas condicións persoais (illamento en Fingoi) e o contexto xeral (penuria de medios, carencia de bibliotecas de referencia), a súa realización só foi posible grazas á axuda bibliográfica dunha rede de colaboradores, coordinada por Ramón Piñeiro e Francisco Fernández del Riego, que lle conseguían libros e folletos de ardua localización.
Pola súa parte, a Gramática elemental del gallego común, que tivo sete edicións ata 1979, comezou sendo un manual didáctico de contido basicamente gramatical, pero foi arrequentado nas sucesivas edicións con información bibliográfica, filolóxica e dialectolóxica, ata converterse nunha especie de introdución á lingüística galega. De máis a máis, Carballo convértese en colaborador habitual, como creador, ensaísta e crítico literario da revista Grial desde a súa aparición regular en 1963, de cuxo consello de redacción formou parte ata 1988: asinados co seu nome ou baixo pseudónimo, publica alí ducias de artigos de tema filolóxico e recensións que dan noticia puntual da evolución das letras e dos estudos galegos naquel tempo. Nesta etapa, Carballo Calero é un dos persoeiros máis significados de Galaxia: é, realmente, o filólogo do que el mesmo denominou "grupo Galaxia", ben que como escritor se consideraba membro da "xeración do Seminario". Ademais da súa constante colaboración coa revista Grial e da participación en diversos volumes colectivos, a súa contribución no proxecto de Galaxia concrétase en non menos de once títulos da súa autoría vindos a lume entre 1955 e 1979, que inclúen as monografías académicas xa salientadas, varias coleccións de estudos e ensaios, títulos de creación poética e teatral e antoloxías didácticas.
A VIZOSA DÉCADA FINAL (1980-1990). REINTEGRACIONISMO
A súa posición no campo cultural galego comezaría a cambiar na segunda metade da década dos setenta e mudaría notablemente na última década da súa vida. Simplificando, as razóns principais desta mudanza son por unha parte de orde política e, por outra, de orde lingüística. As primeiras relaciónanse co cambio que se produciu á morte do ditador (1975) e, sobre todo, coa instauración do réxime autonómico (1981), que provoca un troco de papeis político-culturais dalgunhas figuras protagonistas do grupo Galaxia, nomeadamente Domingo García-Sabell e Ramón Piñeiro, que pasan a implicarse de cheo na instauración do autogoberno. As razóns de orde lingüística teñen que ver co compromiso cada vez máis estreito de Carballo co nacente movemento reintegracionista, do cal se converte desde finais da década dos setenta en principal inspirador e figura de referencia. Discrepante co rumbo da política galega e en franco desacordo coa política lingüística da Autonomía, reivindica a súa independencia e manifesta as súas punxentes críticas de xeito tenaz e contundente. É neste período cando comeza a asinar a súa obra como Carvalho Calero.
Nos primeiros anos oitenta comeza a recoller, depurar e reeditar a súa obra. Canto á literaria, compila e revisa a súa poesía en Pretérito imperfeito, 1927-1961 (1980) e Futuro condicional, 1961-1980 (1982), mentres que a obra dramática é reunida en Teatro completo (1982) e a narrativa en A gente da Barreira e outras histórias (1982) e Narrativa completa (1984). Ao tempo, arranxa varias colectáneas de traballos soltos e artigos: de tema literario en Estudos rosalianos (1979), Libros e autores galegos (dous volumes, 1979 e 1982) e Letras galegas (1984) —obras que en certo xeito complementan a súa Historia da Literatura e lle dan continuidade, ao atender á produción de posguerra—; de tema lingüístico, en defensa da súa proposta reintegracionista, nos volumes Problemas da língua galega (Lisboa, 1980) e Da fala e da escrita (1983).
Non obstante, continúa as súas múltiples angueiras de polígrafo e divulgador, publicando de xeito regular na prensa diaria (La Voz de Galicia), pronunciando conferencias —moitas delas posteriormente impresas—e ensaios, ademais de seguir cultivando a poesía (Cantigas de amigo e outros poemas, 1986; Reticências..., 1990) e a narrativa (Scórpio, 1987). Por parte, neses últimos anos da súa vida seguen colleitándose e imprentándose os seus textos, publícanse dous libros de conversas con el e inzan as homenaxes e os estudos sobre a súa figura: é acollido como membro ordinario pola Academia das Ciências de Lisboa (1981), é recoñecido como membro de honra pola Asociación de Escritores en Lingua Galega e pola Associaçom Galega da Língua, é convidado a participar na fundación do Consello da Cultura Galega —pero rexeita o convite—, recibe a medalla Castelao da Xunta de Galicia (1984), preside o congreso internacional sobre Rosalía de Castro e o seu tempo organizado pola USC e o CCG (1985) e varios congresos da AGAL, obtén o premio da crítica por Scórpio (1987)... A última distinción que recibe é a designación como fillo predilecto do Concello de Ferrol, semanas antes do seu pasamento, acontecido en marzo de 1990.
OBRA LINGÜÍSTICA, CODIFICACIÓN, NORMALIZACIÓN
A defensa e ilustración da lingua galega son móbiles centrais da ideoloxía, da obra e do compromiso público do autor. Cómpre ter en conta que no plano científico, Carballo foi un estudoso da literatura e un filólogo máis do que un gramático ou un lingüista: así, nunca chegou a escribir nestes últimos campos unha monografía comparable á Historia da Literatura. O seu interese pola lingüística foi limitado ata que recibiu o encargo de Galaxia de redactar a Gramática elemental del gallego común (1966), manual oportuno e moi útil no seu día. A súa atención á problemática da codificación da lingua agudízase cando a RAG lle encarga a elaboración, con Filgueira Valverde e Ramón Piñeiro, das súas primeiras normas ortográficas (1970) e morfolóxicas (1971). Estas Normas seguen a liña de evolución autónoma do galego culto desde o Rexurdimento.
Non obstante, a súa posición vai mudando de 1975 en diante, cando comeza a defender a reintegración lingüística e ortográfica do galego no portugués. A súa posición reintegracionista acentúase despois do fracaso da proposta codificadora da Comisión de lingüística nomeada pola Xunta pre-autonómica en 1979, que el mesmo presidiu. Cando o Instituto da Lingua Galega e a Real Academia Galega aproban as Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego (1982), oficializadas inmediatamente pola Xunta de Galicia, a súa discrepancia convértese en frontal. Na década dos oitenta, envórcase de cheo na polémica normativa, unha controversia aceda con estridentes resonancias políticas e espiñentas connotacións persoais, e, por graza da súa auctoritas, convértese en referente do reintegracionismo. Isto, por unha banda afastouno das institucións oficiais e por outra banda acabou producindo o efecto imprevisto de minusvaloración doutros aspectos centrais do seu labor, nomeadamente os seus estudos literarios e súa produción artística.
ESTUDOS LITERARIOS
Como xa se sinalou previamente, o obxecto de estudo máis importante no currículo de Carballo Calero é, sen dúbida, a literatura galega contemporánea, especialmente os autores do Rexurdimento —Pondal e, por riba de todos, Rosalía— e da Xeración Nós —principalmente Otero Pedrayo e Castelao— e mais os poetas de anteguerra, desde Ramón Cabanillas ata Manuel Antonio. Dos seus coetáneos, os preferidos foron Cunqueiro e Pimentel. Non só estudou diversos aspectos da vida e a obra dos ditos autores e de moitos outros, senón que foi editor dalgúns dos seus textos e mais antólogo e divulgador, a través dunha morea de publicacións, entre outras entidades, da RAG, do Departamento de Filoloxía Galega e da Editorial Galaxia. Sen dúbida, debe ser considerado o fundador dos estudos literarios galegos.
A OBRA DE CREACIÓN
Na súa obra literaria cultiva os diversos xéneros, con clara preferencia pola poesía. En palabras dunha estudosa recente, "a súa poesía conecta intimamente coa europea e é testemuño, temática e esteticamente, dun século XX do que Carvalho se recoñece fillo" (Pilar Pallarés). Esta mesma crítica ten salientado que a súa poesía "é desde o inicio a dun racionalista, a dun especulativo [...] os seus textos son construcións cerebrais" que manifestan unha "tendencia descritivista, discursiva e especulativa que se ha de manter como unha constante do autor".
A súa produción dramática, relativamente ampla, e en parte relacionada coa súa actividade didáctica no Colexio Fingoi, sitúase entre a tradición galega, estilizando a temática popular, e a conexión co teatro europeo coetáneo (teatro do absurdo), entre o clasicismo e a experimentación, con técnicas do teatro chinés, fórmulas expresionistas e aproximacións á linguaxe cinematográfica.
Na narrativa salienta a súa última e ambiciosa novela, Scórpio (1987), na que a partir de elementos autobiográficos ofrece unha evocación dos seus tempos de mocidade universitaria e de miliciano durante a guerra civil. O retrato da súa xeración aparece deseñado a través dunha serie de personaxes —que en boa medida constitúen desdobramentos da personalidade do propio autor— que xiran arredor da misteriosa figura do protagonista, de quen se nos ofrece unha imaxe poliédrica a partir dun mosaico de diferentes testemuños, nun hábil e eficaz manexo da polifonía. O final tráxico da maior parte dos personaxes relacionados coa biografía do autor simboliza a derrota da súa xeración galeguista, demócrata e republicana, esmagada polo fascismo.
 
Henrique Monteagudo
Real Academia Galega

luns, 11 de maio de 2020




ROSA ANEIROS:

ÁMOTE LEO A.
DESTINO XALUNDES




Ámote Leo A é un libro pertencente a unha triloxía da cal é a primeira parte. A súa escritora Rosa Aneiros naceu en Valdoviño en 1976 e é xornalista.
Este libro cóntanos a viaxe da protagonista Leonor, filla dunha familia galega e cun irmán a cal decide facer unha viaxe ao rematar a súa carreira universitaria.
....
Na miña opinión esta é unha lectura que enriquece moito e fai aprender moitas cousas xa que primeiro móstranos a valentía e a palabra de Leonor que a pesar de encontrarse soa nesta viaxe a leva a cabo e é capaz de obter todos os cartos para ela co seu traballo nun bar, é dicir, móstranos o seu esforzo por conseguir algo que desexaba. En segundo lugar tamén penso que viaxar é unha maneira de aprender moitas cousas e enriquecernos de diferentes culturas.
Por último, eu recomendaría este libro porque fainos viaxar polo mundo desde a nosas casas e é moi intrigante xa que non sabemos quen é a persoa que lle deixa a Leo as pintadas en todos os seus destinos. Aparte disto, fainos aprender que se queremos algo temos que traballar para conseguilo e que debemos perseguir os nosos sonos como fixo a protagonista facendo esa viaxe que tanto desexaba, con ou sen os seus amigos. Penso que é unha lectura entretida, enriquecedora e chea de valores e aventuras que podería ler calquera persoa de calquera idade.


                                                                                Recomendado por:
                                                                                               Ángela Pérez López – 2ºD Bach.



xoves, 7 de maio de 2020



Polaroid, de Suso de Toro

comentado por 

Marcos Herrero (2º Bach. D)

Polaroid preséntase como unha novela formada por unha serie de relatos curtos: contos, textos perdidos, críticas literarias, artigos xornalísticos, diálogos telefónicos, fotografías, escritos de puño e letra, conversacións, capítulos doutras novelas, citas de diversos autores... Este movemento enúnciase desde o "Prólogo", integramente construído con citas en castelán, e galego unidas sen conexión aparente. 
Este libro non segue as principais características da novela realista, pois existen pluralidade de narradores, microhistorias que non se relacionan entre si, personaxes sen apenas identidade, todo isto leva á construción dun escenario que ten como centro unha profunda reflexión sobre a identidade galega. 


Polaroid relata o mundo urbano da década dos oitenta, pero non no o centro, senón na periferia. A cidade de Polaroid eran os barrios afectados pola reconversión industrial. A novidade de Polaroid non reside tanto en presentar o mundo urbano, senón o mundo urbano e proletario das novas cidades galegas da década dos oitenta cos seus parados, emigrantes retornados de Europa, campesiños de orixe instalados agora na cidade, a nova delincuencia relacionada coa droga… Os barrios periféricos e os seus problemas da década dos oitenta entraron na literatura galega. Dando a sensación de que o protagonista deste libro é a periferia urbana.





Trece anos de Branca, de Agustín Fernández Paz

recomendado por 

Ana Arufe (2º Bach. F)




Este libro narra a historia dunha nena chamada Branca que sofre unha enfermidade que a obriga a pasar certo tempo na súa cama. Ao longo da historia Branca, coa axuda dun álbum de fotos, vai construíndo a súa vida con recordos e lembranzas dende a súa infancia ata os seus trece anos.
Branca fainos partícipes dos seus segredos mellor escondidos e cóntanos a historia do seu primeiro amor coas dificultades que lle trae.
.....

Paréceme un relato moi bonito e a perspectiva dada a través da vista dunha nena fai que sexa máis bonita a historia que ela vive. Branca é unha persoa optimista dado o que vive a unha idade moi ceda e achega un punto moi alegra a súa loita. Recomendo ler esta historia porque é moi sinxela e entretida. É moi bonito ler como os neno loitan por apoiar aos seus amigos cando se necesitan, cando fan que os maiores vexan un pouco diferente a realidade e que sexan quen de amosar a bondade que esconden tras tantas trasnadas. 






mércores, 6 de maio de 2020

Pablo Suárez (2º Bach. D)

tamén recomenda



Memorias dun neno labrego, de Neira Vilas


Ao longo das diferentes historias que se narran, póñense de manifesto tanto os matices culturais da época como os problemas sociais e as desigualdades. Así, no capítulo da morte do padriño de Balbino móstranse os procedementos da misa, o toque de campás ou o loito a gardar que impedía ó rapaz saír a divertirse nas festas do pobo. Mentres que no capitulo no que Balbino lle tira unha pedra ó neno rico do pobo se pon de manifesto o poder dos señores, capaz de deixar sen ingresos a toda unha familia polo conflito entre dous nenos.

O ton da novela é crítico de principio a fin, atacando tanto á relixión coma ós privilexios dos señores da época que controlaban e posuían a liberdade de tódolos seus servos.


Baixo o meu punto de vista, considero esta novela a obra magna da literatura galega, o autor combina as súas vivencias cunha narración envolvente e cargada dunha forte crítica (condicións necesarias para unha boa novela) pero ademais faino desde o punto de vista dun raparigo, algo que resulta moi complexo xa que os pensamentos dos nenos non son iguais que os dos adultos.
En conclusión, recomendo verdadeiramente a lectura desta obra non solo polo dito anteriormente senón tamén como medio para aprender e coñecer máis da sociedade onde viviron os nosos avós e bisavós e a valorar mellor o que temos.






Pablo García Lagoa (2º Bach. D)

tamén recomenda 


Cousas, de Castelao
 Cousas (1926) é a segunda obra narrativa de Castelao, un dos escritores e expoñentes da literatura galega máis importantes da lingua e da cultura galega. Escritor, dramaturgo, ensaísta, artista plástico,... Castelao soupo abordar en moitas disciplinas o sentir, a historia, a cultura, a vida e a identidade de toda unha nación.

  A obra está composta por corenta e cinco relatos breves, acompañados de ilustracións do propio Castelao. 

    O libro está escrito cun estilo sinxelo, que concentra varios efectos. A estrutura sos relatos están fundamentadas nas estruturas básicas do relato popular, o que permite analizar as circunstancias históricas, sociais e ideolóxicas que o autor transmite da súa vida proxectando unha visión ben estruturada e realista do contexto do primeiro terxo do século XX. Ademais, a narrativa ven acompañada de numerosos recursos e elementos líricos e humorísticos que permiten unha lectura máis amena e divertida. Empregando a lingua popular, o autor segue un modelo de galego culto que contrasta con todas as historias.

    Recomendo este libro porque na súa totalidade, representa unha imaxe moi cercana e realista das costumes, experiencias e a realidade do pobo galego que permite facer unha análise da súa antropoloxía e pensamento; que achégannos relatos sobre as condicións de vida (como no relato O “Rifante”), a emigración (O pai de Migueliño) e a sociedade (Chámanlle a “Marquesiña”). Un libro que representa a historia e as formas de vida no tan lonxanas do noso pobo.






venres, 1 de maio de 2020

Yaiza Parga (2º BACH. F) e  Lydia Serrano (2º BACH.F)

recomendan 

Crime en Compostela, de Carlos G. Reigosa









A novela pareceume moi interesante, ademais é rápida de ler xa que e moi curta, non ten mais de 200 páxinas, e aínda que ten unha gran riqueza léxica non e complicada de ler, é mais lese con moita fluidez. Carlos Reigosa, ademais de querer presentarnos una historia, quere darnos a coñecer a cidade de Santiago de Compostela, a cal está moi presente nalgunhas partes da lectura e fai que esta se atasque un pouco, xa que nesas ocasións parece mais unha guía turística que nos presenta os edificios e monumentos da cidade con total detalle, que una novela que investiga un crime, a mi parecer nesas partes deixase bastante de lado o argumento principal, o que na miña opinión é un erro, xa que fai que non acabes de engancharte aos personaxes
...
Na miña opinión, é unha lectura que merece a pena, e que deberiamos ler todos, xa que se mostra moito como é Galicia, as costumes, a cultura, e a xente, ademais creo que é un clásico da novela do século XX, que gañou o Premio Xerais con moita razón. Creo que nos achega moito mais a cultura do noso pobo, e para os que non sean de Galicia, que lles axuda a facerse unha idea correcta de como somos, deixando de lado os prexuízos incorrectos que teñen sobre nos.


Yaiza Parga            





Na miña opinión o libro cumpriu tódalas expectativas que tiña. As descricións sobre a vella cidade de Compostela, fan afundirte nunha atmosfera aínda máis misteriosa se é posible. O fiel retrato dos ambientes da Compostela do século pasado , axudan a contextualización total. Nótase pola linguaxe que é unha novela xuvenil e ben adaptada para os lectores da nosa idade. Ás veces cústame que un libro me enganche, xa que facía bastante que non lía con tanta rapidez un libro, e sen dúbida algunha, abriu de novo o meu interese pola lectura. Ambientada na Galicia do último terzo do século XX Ademáis do asesinato como tema principal da historia tamén trata temas moi importantes na sociedade actual, como pode ser a prostitución e a violencia ás mulleres no anterior. A trama engancha dende o primeiro capítulo...



Lydia Serrano           

Iago Jopia (2º BACH.D) 

              recomenda

Corredores de sombra,  

de Agustín Fernández Paz




 A historia xira en torno ao descubrimento dun cadáver con evidencias de asasinato en tempos da Guerra Civil no pazo dos Soutelo, familia con raíces na antiga nobreza galega que aínda conserva o respeto e trato que tivera nos séculos anteriores. Sorprendemente para Clara, a súa prestixiosa familia non só lle resta importancia ao acontecemento, senón que ademáis trata de ocultar o suceso aos medios exteriores nunha maniobra liderada polo seu pai, buscando non ensuciar o seu ilustre apelido. Isto vai levar a Clara a investigar pola súa conta o asasinato,  e o que comeza como un simple pasatempos pronto se converte nunha experiencia de vida para a protagonista, tanto no bó coma no malo, ao encontrar o primeiro amor, destapar segredos familiares e desenterrar traicións e falsas amizades tanto no pasado coma no presente. 
Deixo máis que recomendada a lectura desta novela que explora desde outra perspectiva a guerra civil española e as consecuencias que tivo e segue tendo no rural galego, eliminando prexuízos e aprensións á vez que nos presenta valores universais, e que conta, por medio dos nosos antepasados, a historia dunha Galicia que puido ser e que non foi.





Laura Almón (2º BACH.F)
recomenda

Infamia, de Ledicia Costas




O argumento de Infamia reúne todos os elementos que fan dunha novela negra unha lectura que mantén o suspense e atrae por complento a atención do lector: a existencia dun caso sin resolver, experiencias traumáticas que marcan a vida de varias das persoaxes e, como non podía faltar, unha interese amorosa por un dos veciños, Lucas, que conecta á nosa protagonista coa desaparición.  
Ao longo da historia, nós, como lectores, obtemos información de xeito dosificado, recollendo as pistas, e non é ata ao final da obra que somos capaces de resolver o caso e descubrir aos responsabeis. Así mesmo, o logrado desenvolvemento da protagonista mediante a introspección no seu pasado axúdanos a empatizar con Emma. 

En conclusión, a novela emprega recursos que fan da lectura unha actividade interactiva e moito más levadeira para aqueles aos que non lles agrada ler, ou non están acostumados a facelo. Infamia, ao estar ambientada nos nosos días, trata temas relevantes e de actualidade, como as violacións, os prexuízos misóxenos e o que estes traen, facendoa unha obra recomendable para, nestes tempos, recordar o que realmente sucede ao noso redor, aínda que non queiramos velo.