xoves, 13 de xuño de 2019

Ruta Pondaliana


RUTA PONDALIANA

29 de abril de 2019
SUMARIO
  • Dolmen de Dombate.
  • Castro de Borneiro.
  • Ofrenda floral ao bardo en Ponteceso.
  • Ruta Pondaliana O Val Nativo.
  • Praia de Balarés.

Dentro das saídas complementarias organizadas polo Equipo de Dinamización da Lingua galega do IESP Eusebio da Guarda, en colaboración con outros departamentos didácticos, especialmente co departamento de Lingua galega e literatura, o departamento de Xeografía e Historia e o departamento de Bioloxía e Xeoloxía, o luns 29 de abril tivo lugar a saída a Ponteceso, localidade natal do excelso poeta galego Eduardo Pondal, autor da letra do Himno galego.
Acompañados por profesorado dos departamentos citados, alumnado dos cursos de 1º de bacharelato, visitou o dolmen de Dombate e o castro de Borneiro, guiados polo historiador don Ángel Eiroa, a quen agradecemos a súa inestimable colaboración, que explicou amena e pormenorizadamente os importantes restos do noso pasado, tan vinculados á poesía de Pondal.
Posteriormente, tras facer unha ofrenda floral no Monolito adicado ao poeta na Praza do recheo de Ponteceso, así como unha lectura de poemas por parte do alumnado e a interpretación do Himno galego, alumnado e profesorado recorreu a ruta pondaliana O Val Nativo, parando a ler os poemas en cada un dos monolitos conmemorativos.
Ademais de disfrutar da natureza que inspirou ao poeta e observar as aves dende un miradoiro á beira do río Anllóns, tras o xantar na vila natal de Pondal, a viaxe continuou coa visita á praia de Balarés e disfrute do marabilloso entorno natural que inspirou ao poeta.