venres, 29 de novembro de 2019

CELEBRACIÓN DO DÍA DA CIENCIA EN GALEGO


Seguindo coa  exitosa actividade desenvolvida o curso anterior polo departamento de Física e Química, coa elaboración da táboa dos elementos químicos periódicos en galego  por parte de diferentes cursos, os traballos dos mesmos serán  expostos ao longo e ancho das cortizas dos corredores do centro, desde fins de novembro ata comezos de febreiro de 2020, segundo as diferentes clases.



A cargo da profesora Mª Dolores Blanco. Novembro 2019.

venres, 15 de novembro de 2019

MAGOSTO 2019


O venres 15 de novembro, a pesar do reto que supuxo conseguir ter listo un espazo viable para levar a cabo a festa, por mor desas obras que van a mellorar o acondicionamento do instituto, pero que parecen non ter fin, e coa gran implicación da dirección do Centro, o Equipo de Dinamización da Lingua Galega puido organizar o MAGOSTO 2019.

Novamente os castañeiros nos ofreceron as castañas asadas que son o elemento indispensable da festa.









Degustamos a saborosíiiisimas castañas, en abundancia. Compartimos o rato de lecer cos compañeiros e compañeiras, coa ilusión dese comezo festivo do outono.
Ademáis, e igualmente importante para o desfrute de todos, contamos con varios grupos de alumnos e alumnas que nos ofreceron os bailes tradicionais galegos e a música ancestral coa que nos acompañamos en todas aquelas ocasións nas que celebramos as nosas festas, as que herdamos dos nosos antepasados, nas que continuamos a recoñecernos.

Importantísimo resaltar a implicación deses alumnos e alumnas que ensaiaron desde comezo de curso para que puideramos gozar coas súas actuacións. Un grupo de alumnas de 1º de bacharelato, xa experimentadas, repetiron a súa desinteresada colaboración do curso anterior; outro grupo de alumnos e alumnas de 1º de ESO, 2º de ESO...comezaron este curso amosándonos a súa arte.
Grazas a todos e todas pola súa colaboración.
Grazas  tamén ao profesorado colaborador,especialmente os titores e titoras,  á dirección pola implicación e á AMPA, pola colaboración económica.
Parece que todos o pasamos ben, á vista das imaxes.
Ata o ano!!!!







mércores, 13 de novembro de 2019

"UNIVERSO CORUÑENTO" DE XURXO SOUTO. ÁGORA.


O mércores 13 de novembro de 2019, ao abeiro das actividades ofertadas polo Concello da Coruña para o alumnado de secundaria do presente curso escolar 2019-2020, departamento de Normalización Lingüística, asistimos  ao Auditorio do Centro Ágora, para participar no espectáculo "UNIVERSO CORUÑENTO", DE XURXO SOUTO.

As catro clases de 4º de ESO acudiron, acompañadas de seis profesores, ao espectáculo de imaxes, palabra e música, no que o cantante, escritor, profesor, divulgador...e moitas máis cousas, Xurxo Souto nos fixo reflexionar acerca do noso coñecemento da nosa cidade, proporcionándonos algúns datos   e historias descoñecidos por moitos ,e outros pola case totalidade dos asistentes participantes.

Compartimos con outros institutos de secundaria a experiencia, e tras aprender e cantar e berrar, regresamos ao centro sen novidade (e sen mollarnos), e coa conciencia de que nos faltan por coñecer moitas historias do noso entorno máis cercano, e que moitos nomes  antigos vencellados a diferentes lugares da cidade están en perigo de desaparición e, con eles, a nosa historia, que é unha parte importante do que somos hoxe: CORUÑESES /CORUÑENTOS.










Velaí unhas fotos do grupo no exterior.


Tamén a unidade didáctica da actividade, de grande interese.