martes, 30 de xuño de 2020

FIN DO CURSO 2019-2020

ACTO DE DESPEDIDA DE 2º DE BACHARELATO 

LECCIÓN DE CLAUSURA DO CURSO 2019-2020


a cargo da profesora

 dona Beni Vidal Tomé ,

 Coordinadora de Bacharelato ,
 Xefa do departamento de Lingua galega e literatura,
 membro do EDLG




DESPEDIDA BACHAREIS 2020  IES P EUSEBIO DA GUARDA

      Sra. Directora, prezados compañeiros/as, prezados alumnos/as…
É para min unha honra tomar hoxe a palabra en nome do profesorado do instituto para dirixirme a vós nun día tan significativo.
As circunstancias nas que nos atopamos por mor do coronavirus fíxonos meditar en que algo descoñecido estaba ocorrendo e que tiñamos que estar atentos ao que ía sucedendo día a día porque xamais se producira algo semellante. Todas as referencias anteriores eran vagas metáforas para intentar orientarse.
Unha vez controlada a pandemia, chega a restauración do vínculo social que estivo en corentena, pero creo humildemente que nada volverá a ser igual, é o final dramático dunha época tumultuosa, liquidada por una epidemia transmitida gracias á sociabilidade que propicia unha globalización descontrolada e feliz. Pero di unha vella sentenza: “Nunca hai que desaproveitar unha crise”, e iso é o que debemos facer, aprender desta crise sanitaria, social e económica sen precedentes, da que demos todos exemplo, extremando a ética no noso comportamento ao asumir as restricións aos nosos dereitos e liberdades para volver canto antes á normalidade.
E chegada a nova normalidade quero, antes de nada, dar as grazas a toda a comunidade educativa do Eusebio da Guarda porque entre todos evitamos que isto afundise nestes meses tan difíciles que vivimos.

Ao noso alumnado que é o mellor do noso traballo, porque amosastes unha responsabilidade digna de imitar, esforzándovos cada día nunha normalidade que non era, enfrontando moitas veces situacións moi duras, soportando os nosos correos incomodados porque as imaxes non chegaban dereitas ou enviabades o contido no asunto ou non había maneira de saber quen era “Jocker” ou “Papaíto”, pero a pesar diso, soubestes levalo con altura, e ademais aquelas mensaxes de ánimo ou cariñas por wasap son de agradecer e reafírmannos no amor a este oficio de educar. Grazas!

Grazas aos pais e nais que puxeron todo da súa parte para que isto puidese saír o mellor posible, que trataron de sumar, converténdose nunha sorte de axudantes do profesorado e conciliando o seu traballo. É por iso polo que son merecedores dunha porcentaxe elevada das notas, aínda que o que eles querían é que vós aproveitásedes o curso. Grazas!

E grazas ao profesorado que tratando de chegar a cada un de vós buscou o instrumento mais axeitado para facelo, para que ninguén quedase atrás. A todos os meus compañeiros/as que traballaron nunha nova xornada de 24h, recibindo correos a calquera hora e en calquera día e sen perder o ánimo. Grazas!
Por fin remataron os exames, os días de agobio no instituto… chegou o día das despedidas, da incerteza do que pasará… Despois de seis anos de diaria convivencia;despois de tanto compartido…Que vos podo dicir?
Hoxe remata unha etapa das vosas vidas, a etapa do Instituto, e hoxe xa podedes subscribir o que dicía o xenial Max Aub:” Un é de onde fixo o bacharelato”. E vós sodes do “Eusebio da Guarda”, e sódelo para sempre; e ó igual que nos sentimos orgullosos de ser do lugar onde nacemos, tamén estaredes orgullosos de ser do “Eusebio” porque foi nel onde algún profesor vos logrou entusiasmar; entusiasmar con ideas e proxectos de futuro, dándovos ilusión verdadeira, esa que é pulo, enerxía e convicción, esa que ten o máxico poder de impulsarvos a logralos.
“Na primavera, o ánade salvaxe volve á súa terra pras nupcias, nada nin ninguén pode detelo, se lle cortan as ás, irá a nado, se lle cortan as patas, impulsarase co peteiro coma un remo na corrente. Esa viaxe é a súa razón de ser”.
Isto dicía o mestre da Lingua das bolboretas aos seus alumnos na súa despedida. Eu quero dicirvos tamén que ao igual que os ánades, debedes ter un soño que sexa a vosa razón de ser, por acadalo teredes que esforzarvos, sacrificarvos moitas veces; pero de algo estou segura, se conseguides manter ese soño vivo, ninguén volo poderá roubar.
Xa nada será igual ca antes, despois deste terremoto de magnitude dez.
Estamos construíndo un mundo onde o virtual semella ser mellor ca o real, pero non esquezades isto: non hai pantalla no mundo que transmita sentimento, ese que percibimos cando estamos fronte a fronte.
Precisamos unha educación que non brinde só información, coñecementos e habilidades, senón tamén sabedoría. O anhelo de saber, dicía Aristóteles é “a máis nobre aspiración humana”. Nunca se acaba de aprender porque aprender non é unha tarefa que debemos realizar, é un verdadeiro estado de existencia que nos permite asumir unha posición humilde no mundo que nos toca vivir.

Segundo Victoria Camps: “O individualismo estaba asentado na sociedade, pero ante unha catástrofe coma esta, dámonos conta que somos máis interdependentes do que pensabamos”. E será a través da cooperación como poderemos avanzar. O poder da memoria contra o esquecemento pódenos axudar porque se esquecemos, non teremos aprendido nada.

A sociedade ten minusvalorado o papel da xuventude, pero a mocidade de hoxe, vós, que tedes padecido as consecuencias sociais da crise económica de 2008, sodes os que hai pouco pediades un cambio social profundo para facer fronte á crise climática, e seredes a xeración que vivirá as consecuencias da crise da pandemia, unha xeración que terá que ter unha enorme capacidade de adaptación a períodos de incerteza.

Por iso apostamos por vós, para que poñades en valor unha sociedade máis inclusiva na que a xuventude partícipe no deseño das súas políticas, xa que sodes parte fundamental dela.

Este confinamento a vós, a xuventude, quitouvos dúas das cousas que máis valorades: a independencia e aos amigos, e pola contra meteuvos dous grandes medos: o contaxio e a catástrofe económica. Pero esta situación supuxo tamén tal impacto que vos está facendo madurar máis apresa e tamén ensinándovos a priorizar, valorando máis á familia, a amizade, os vosos estudos…  Seguramente seredes máis tolerantes á frustración e máis capaces na busca de solucións ante as adversidades.
O sociólogo Víctor Renobell asegura que no futuro a vosa cohesión como grupo de idade será máis forte: “Ao igual que as xeracións que pasaron unha guerra, terán unha experiencia común moi importante: Somos os que pasamos a pandemia”, recordaredes.
Certo é que a incerteza marcará o voso futuro, viviredes nunha sociedade de risco na que teredes que tomar moitas máis decisións que xeracións anteriores, pero non teñades medo, porque xa aprendestes a lidiar con el neste confinamento e saídes máis fortes.
Pouco máis teño que dicir que non vos dixera en tantas horas que pasamos xuntos. Sobra agora falar das vogais abertas ou pechadas, da posición do pronome átono ou da Nova Narrativa Galega…, porén non me gustaría despedirme sen lervos un poema  que espero teñades presente:
ÍTACA de C Kavafis
Cando emprendas a túa viaxe a ítaca
pide que o camiño sexa longo,
cheo de aventuras, cheo de experiencias.

Que moitas sexan as mañás de verán
en que chegues -con qué pracer e alegría!-
a portos nunca vistos antes.

Vai a moitas cidades exipcias
a aprender, a aprender dos seus sabios.
Ten sempre a ítaca na túa mente.
chegar alí é o  teu destino. 
Mais non apresures nunca a viaxe.
Mellor que dure moitos anos
e atracar, vello xa,  na  illa,
enriquecido de canto gañaches no camiño.

ítaca brindouche  tan fermosa viaxe.
Sen ela non terías  emprendido o  camiño.
Así, sabio, con tanta experiencia,
entenderás xa qué significan as Ítacas.
 
Desfrutade da viaxe, do camiño que emprendedes, que vos dure moitos anos!
Lembrarémosvos sempre como a Promoción do Covid-19, pero tamén por ser a Promoción que superou a adversidade máis grande en época de paz cunha forza e enteireza admirables.
Grazas!
Beni Vidal Tomé
Xefa do Departamento de Lingua Galega e Literatura
Coordinadora de Bacharelato


A Coruña, 30 de xuño de 2020









A CORUÑA VIVA
ENTREVISTA A LOLI E MILUCA
BLOG CAZATESOUROS


http://cazatesouros.blogspot.com/2020/06/benqueridoslectores-e-seguidores.html?m=1

martes, 23 de xuño de 2020


FELIZ 

NOITE DE SAN XOÁN 2020


(Aínda nestas circunstancias excepcionais)




 Estamos ante a noite máis curta do ano, a do solsticio de verán, que se vive moi intensamente en toda Galicia. Chámaselle a noite de san Xoán, a das meigas, a do lume novo, denominacións que recollen o máis puro espírito desta celebración.

Esta festa ten moito arraigamento na nosa terra e arredor dela hai moreas de tradicións, crenzas ou costumes que se seguen mantendo ano tras ano. Unha delas é a das coñecidas cacharelas , espalladas por todo o territorio, que, segundo manda a tradición, hai que saltar un número impar de veces para atraer a boa sorte.





Outra das crenzas relacionadas con esta noite máxica é a das sete fontes. Di a cultura popular que beber de sete fontes distintas durante a noite de san Xoán protexe dos feitizos e libra do mal de ollo.

                                                  

- Segundo o romance, a que logra coller a 'frol da auga fría' na mañanciña de San Xoán non volta soia á súa casa. 
Para elo hai que desplazarse a unha fonte e coller na palma da man a flor que hai normalmente onde cae a auga da fonte. Esa flor que se chama "flol da auga fría" traeará moita cousas bonitas...

En outras composicións populares teñen igual poder esta noite, a pinga de orballo que se agocha no cáliz dunha flor, que a moza atopa. Presentando unha variable desta crenza un romance no que Xesús, na cruz, é socorrido pola anduriña e a labandeira. En pago, o Señor, concédelles certos favores, entre os que destaca o da labandeira, esto é, que cando o día de San Xoán colla unha pinga de auga no pico e a deixe caer sobre unha moza que se bañe antes de saír o sol, esta sería feliz.
Corre, meniña,
vaite lavar
alá na fonte
te has de lavar,
e a fresca auga
desta amañecida
cor da cereixa
che tén que dar
Se arraiar,
se arraiará
tódalas meigas levará,
se arraióu,
xa arraióu,
tódalas meigas levou

Tamén teñen moita presenza nesta noite as flores e plantas. Ademais da preparación das xa coñecidas herbas de san Xoán (tamén tratadas noutra entrada deste blog), tamén se acostuma colocar ramallos de flores nas portas e fiestras das vivendas, porque existe a crenza de que as herbas protexen a casa contra as meigas, que tan presentes están nesta noite.






Outra das tradicións desta noite en Galicia sinala que se unha muller bota a clara dun ovo nun vaso de auga a media noite e o deixa durante toda a noite, pola mañá poderá descubrir con quen vai casar segundo a forma que adopte a clara callada. Ademais, este mesmo método do ovo, segundo se di, tamén serve para adiviñar o futuro dunha persoa, segundo a forma que tome.
Un monte de ideas: Máis experimentos





Vendo todo isto, ademais de gozar ao máximo da festa, podemos poñer da nos parte para atraer a sorte e escorrentar as cousas malas xa dende esa mesma noite.







FELIZ NOITE DE SAN XOÁN!!



XA COMEZA O VERÁN!!


NOITE DE SAN XOÁN



Ver a imaxe de orixe



AS SETE HERBAS DE SAN XOÁN




Ver a imaxe de orixe


NOITE DE 23 DE XUÑO

NOITE DE SAN XOÁN






Ver a imaxe de orixe