sábado, 31 de outubro de 2020


31 OUTUBRO- FESTA DE SAMAÍN







Doce cousas que debes saber sobre o Samaín:

https://viajes.lavozdegalicia.es/lista/viajes-galicia/2018/07/05/doce-debes-saber-sobre-samain/03071530805944300944843.htm#1

Por que celebramos o Samaín o 31 de outubro?

https://galego.lavozdegalicia.es/noticia/sociedad/2020/10/30/celebra-31-octubre-samain/00031604080760688755173.htm


Razón do uso de cabazas en Samaín:





https://galiciangarden.com/por-que-el-uso-de-calabazas-en-samain/

venres, 30 de outubro de 2020

 31 DE OUTUBRO

CELEBRACIÓN DAS LETRAS GALEGAS 2020

adicadas a

RICARDO CARVALHO CALERO




Ricardo Carvalho Calero naceu no ano 1910 en Ferrol, onde comezou a publicar os seus primeiros versos. Tras cursar por libre o Bacharelato, trasladouse a Compostela para estudar Dereito e Filosofía e Letras e cumprir co servizo militar. Aquí entrou en contacto co galeguismo e cos movementos culturais da altura, nomeadamente co Seminario de Estudos Galegos. Foi este un momento de intensa militancia política xa que se integrou no movemento nacionalista e tomou parte no activismo estudantil. Até 1932, en que gañou unha praza de funcionario municipal na súa vila natal, Carvalho Calero enviou numerosas colaboracións ás máis destacadas revistas literarias (A Nosa TerraNósGuiónGalizaResolUniversitariosPapel de Color) e principiou a publicación dos seus libros poéticos, primeiro en español e despois en galego.

O golpe militar sorprendeuno en Madrid e Carvalho posicionouse no bando republicano, entrando en combate como miliciano. Unha vez terminado o conflito, foi encarcerado, condenado por separatista e recluído no cárcere de Jaén. En 1941 o escritor regresou á súa cidade con liberdade condicional. Imposibilitado para exercer a función pública, refuxiouse no ensino privado (entre 1950 e 1965 no Colexio Fingoi de Lugo), continuando coa escrita en galego en todos os xéneros e restablecendo aos poucos o contacto cos galeguistas que ficaran no país. Paralelamente ao seu labor docente, desenvolveu nestes anos un importantísimo traballo investigador —iniciado coa súa tese de doutoramento, «Aportaciones a la literatura gallega contemporánea»— que tivo como froito máis valioso a publicación en 1963 da Historia da literatura galega contemporánea. Tamén nesta época, en 1958, ingresou na Real Academia Galega co discurso «Contribución ao estudo das fontes literarias de Rosalía. En 1963 obtivo por oposición a praza de adxunto no Instituto Rosalía de Castro, en Santiago de Compostela, e en 1972 superou as probas que o converteron no primeiro catedrático de Lingua e Literatura Galega da Universidade de Santiago de Compostela.



venres, 18 de setembro de 2020

 

 CURSO 2020-2021

UNHA NOVA REALIDADE, QUE REQUIRE DA RESPONSABILIDADE E COLABORACIÓN DE TODOS E TODAS.







martes, 15 de setembro de 2020

 NOVO CURSO ESCOLAR 2020-2021



Benvid@s ao novo curso escolar 2020-2021 no IES Plurilingüe Eusebio da Guarda.







En breves días vaise constituir o novo Equipo de Dinamización da Lingua Galega para o presente curso escolar. Contamos con tod@s vós, como sempre, para participar e colaborar naqueles actos e actividades que se poidan levar a cabo.

Un saúdo.




xoves, 2 de xullo de 2020


DESPEDIDA CURSO 2019-2020


En nome do Equipo de Dinamización da Lingua Galega quero agradecer a todo o alumnado, profesorado, familias, persoal non docente e a dirección do Centrotoda a súa disponibilidade e colaboración co EDLG ao longo deste excepcional e difícil curso escolar. Sen ela tería sido imposible levar a cabo as actividades planificadas para e por o conxunta da Comunidade Educativa da que este Equipo é unha pequena parte.
Grazas a todos e todas pola colaboración.
Agardámosvos para o vindeiro curso 2020-2021, co desexo de normalidade.
Só me queda desexarvos unhas moi merecidas e felices vacacións de verán.

A Coordinadora do EDLG
Mª Carme Edreira

FELICES VACACIÓNS DE VERÁN!!!!!



APROVEITEMOS PARA COÑECER GALICIA!!!!

TEN MOITO E DIVERSO QUE VER, QUE ENSINAR, QUE DESFRUTAR!!!!





AGARDAMOS AS VOSAS FOTOS DE CALQUERA RINCÓN DE GALICIA PARA O NOSO PRIMEIRO CONCURSO DO VINDEIRO CURSO:
"UN VERÁN EXTRAORDINARIO...POR GALICIA"














martes, 30 de xuño de 2020

FIN DO CURSO 2019-2020

ACTO DE DESPEDIDA DE 2º DE BACHARELATO 

LECCIÓN DE CLAUSURA DO CURSO 2019-2020


a cargo da profesora

 dona Beni Vidal Tomé ,

 Coordinadora de Bacharelato ,
 Xefa do departamento de Lingua galega e literatura,
 membro do EDLG




DESPEDIDA BACHAREIS 2020  IES P EUSEBIO DA GUARDA

      Sra. Directora, prezados compañeiros/as, prezados alumnos/as…
É para min unha honra tomar hoxe a palabra en nome do profesorado do instituto para dirixirme a vós nun día tan significativo.
As circunstancias nas que nos atopamos por mor do coronavirus fíxonos meditar en que algo descoñecido estaba ocorrendo e que tiñamos que estar atentos ao que ía sucedendo día a día porque xamais se producira algo semellante. Todas as referencias anteriores eran vagas metáforas para intentar orientarse.
Unha vez controlada a pandemia, chega a restauración do vínculo social que estivo en corentena, pero creo humildemente que nada volverá a ser igual, é o final dramático dunha época tumultuosa, liquidada por una epidemia transmitida gracias á sociabilidade que propicia unha globalización descontrolada e feliz. Pero di unha vella sentenza: “Nunca hai que desaproveitar unha crise”, e iso é o que debemos facer, aprender desta crise sanitaria, social e económica sen precedentes, da que demos todos exemplo, extremando a ética no noso comportamento ao asumir as restricións aos nosos dereitos e liberdades para volver canto antes á normalidade.
E chegada a nova normalidade quero, antes de nada, dar as grazas a toda a comunidade educativa do Eusebio da Guarda porque entre todos evitamos que isto afundise nestes meses tan difíciles que vivimos.

Ao noso alumnado que é o mellor do noso traballo, porque amosastes unha responsabilidade digna de imitar, esforzándovos cada día nunha normalidade que non era, enfrontando moitas veces situacións moi duras, soportando os nosos correos incomodados porque as imaxes non chegaban dereitas ou enviabades o contido no asunto ou non había maneira de saber quen era “Jocker” ou “Papaíto”, pero a pesar diso, soubestes levalo con altura, e ademais aquelas mensaxes de ánimo ou cariñas por wasap son de agradecer e reafírmannos no amor a este oficio de educar. Grazas!

Grazas aos pais e nais que puxeron todo da súa parte para que isto puidese saír o mellor posible, que trataron de sumar, converténdose nunha sorte de axudantes do profesorado e conciliando o seu traballo. É por iso polo que son merecedores dunha porcentaxe elevada das notas, aínda que o que eles querían é que vós aproveitásedes o curso. Grazas!

E grazas ao profesorado que tratando de chegar a cada un de vós buscou o instrumento mais axeitado para facelo, para que ninguén quedase atrás. A todos os meus compañeiros/as que traballaron nunha nova xornada de 24h, recibindo correos a calquera hora e en calquera día e sen perder o ánimo. Grazas!
Por fin remataron os exames, os días de agobio no instituto… chegou o día das despedidas, da incerteza do que pasará… Despois de seis anos de diaria convivencia;despois de tanto compartido…Que vos podo dicir?
Hoxe remata unha etapa das vosas vidas, a etapa do Instituto, e hoxe xa podedes subscribir o que dicía o xenial Max Aub:” Un é de onde fixo o bacharelato”. E vós sodes do “Eusebio da Guarda”, e sódelo para sempre; e ó igual que nos sentimos orgullosos de ser do lugar onde nacemos, tamén estaredes orgullosos de ser do “Eusebio” porque foi nel onde algún profesor vos logrou entusiasmar; entusiasmar con ideas e proxectos de futuro, dándovos ilusión verdadeira, esa que é pulo, enerxía e convicción, esa que ten o máxico poder de impulsarvos a logralos.
“Na primavera, o ánade salvaxe volve á súa terra pras nupcias, nada nin ninguén pode detelo, se lle cortan as ás, irá a nado, se lle cortan as patas, impulsarase co peteiro coma un remo na corrente. Esa viaxe é a súa razón de ser”.
Isto dicía o mestre da Lingua das bolboretas aos seus alumnos na súa despedida. Eu quero dicirvos tamén que ao igual que os ánades, debedes ter un soño que sexa a vosa razón de ser, por acadalo teredes que esforzarvos, sacrificarvos moitas veces; pero de algo estou segura, se conseguides manter ese soño vivo, ninguén volo poderá roubar.
Xa nada será igual ca antes, despois deste terremoto de magnitude dez.
Estamos construíndo un mundo onde o virtual semella ser mellor ca o real, pero non esquezades isto: non hai pantalla no mundo que transmita sentimento, ese que percibimos cando estamos fronte a fronte.
Precisamos unha educación que non brinde só información, coñecementos e habilidades, senón tamén sabedoría. O anhelo de saber, dicía Aristóteles é “a máis nobre aspiración humana”. Nunca se acaba de aprender porque aprender non é unha tarefa que debemos realizar, é un verdadeiro estado de existencia que nos permite asumir unha posición humilde no mundo que nos toca vivir.

Segundo Victoria Camps: “O individualismo estaba asentado na sociedade, pero ante unha catástrofe coma esta, dámonos conta que somos máis interdependentes do que pensabamos”. E será a través da cooperación como poderemos avanzar. O poder da memoria contra o esquecemento pódenos axudar porque se esquecemos, non teremos aprendido nada.

A sociedade ten minusvalorado o papel da xuventude, pero a mocidade de hoxe, vós, que tedes padecido as consecuencias sociais da crise económica de 2008, sodes os que hai pouco pediades un cambio social profundo para facer fronte á crise climática, e seredes a xeración que vivirá as consecuencias da crise da pandemia, unha xeración que terá que ter unha enorme capacidade de adaptación a períodos de incerteza.

Por iso apostamos por vós, para que poñades en valor unha sociedade máis inclusiva na que a xuventude partícipe no deseño das súas políticas, xa que sodes parte fundamental dela.

Este confinamento a vós, a xuventude, quitouvos dúas das cousas que máis valorades: a independencia e aos amigos, e pola contra meteuvos dous grandes medos: o contaxio e a catástrofe económica. Pero esta situación supuxo tamén tal impacto que vos está facendo madurar máis apresa e tamén ensinándovos a priorizar, valorando máis á familia, a amizade, os vosos estudos…  Seguramente seredes máis tolerantes á frustración e máis capaces na busca de solucións ante as adversidades.
O sociólogo Víctor Renobell asegura que no futuro a vosa cohesión como grupo de idade será máis forte: “Ao igual que as xeracións que pasaron unha guerra, terán unha experiencia común moi importante: Somos os que pasamos a pandemia”, recordaredes.
Certo é que a incerteza marcará o voso futuro, viviredes nunha sociedade de risco na que teredes que tomar moitas máis decisións que xeracións anteriores, pero non teñades medo, porque xa aprendestes a lidiar con el neste confinamento e saídes máis fortes.
Pouco máis teño que dicir que non vos dixera en tantas horas que pasamos xuntos. Sobra agora falar das vogais abertas ou pechadas, da posición do pronome átono ou da Nova Narrativa Galega…, porén non me gustaría despedirme sen lervos un poema  que espero teñades presente:
ÍTACA de C Kavafis
Cando emprendas a túa viaxe a ítaca
pide que o camiño sexa longo,
cheo de aventuras, cheo de experiencias.

Que moitas sexan as mañás de verán
en que chegues -con qué pracer e alegría!-
a portos nunca vistos antes.

Vai a moitas cidades exipcias
a aprender, a aprender dos seus sabios.
Ten sempre a ítaca na túa mente.
chegar alí é o  teu destino. 
Mais non apresures nunca a viaxe.
Mellor que dure moitos anos
e atracar, vello xa,  na  illa,
enriquecido de canto gañaches no camiño.

ítaca brindouche  tan fermosa viaxe.
Sen ela non terías  emprendido o  camiño.
Así, sabio, con tanta experiencia,
entenderás xa qué significan as Ítacas.
 
Desfrutade da viaxe, do camiño que emprendedes, que vos dure moitos anos!
Lembrarémosvos sempre como a Promoción do Covid-19, pero tamén por ser a Promoción que superou a adversidade máis grande en época de paz cunha forza e enteireza admirables.
Grazas!
Beni Vidal Tomé
Xefa do Departamento de Lingua Galega e Literatura
Coordinadora de Bacharelato


A Coruña, 30 de xuño de 2020









A CORUÑA VIVA
ENTREVISTA A LOLI E MILUCA
BLOG CAZATESOUROS


http://cazatesouros.blogspot.com/2020/06/benqueridoslectores-e-seguidores.html?m=1

martes, 23 de xuño de 2020


FELIZ 

NOITE DE SAN XOÁN 2020


(Aínda nestas circunstancias excepcionais)




 Estamos ante a noite máis curta do ano, a do solsticio de verán, que se vive moi intensamente en toda Galicia. Chámaselle a noite de san Xoán, a das meigas, a do lume novo, denominacións que recollen o máis puro espírito desta celebración.

Esta festa ten moito arraigamento na nosa terra e arredor dela hai moreas de tradicións, crenzas ou costumes que se seguen mantendo ano tras ano. Unha delas é a das coñecidas cacharelas , espalladas por todo o territorio, que, segundo manda a tradición, hai que saltar un número impar de veces para atraer a boa sorte.





Outra das crenzas relacionadas con esta noite máxica é a das sete fontes. Di a cultura popular que beber de sete fontes distintas durante a noite de san Xoán protexe dos feitizos e libra do mal de ollo.

                                                  

- Segundo o romance, a que logra coller a 'frol da auga fría' na mañanciña de San Xoán non volta soia á súa casa. 
Para elo hai que desplazarse a unha fonte e coller na palma da man a flor que hai normalmente onde cae a auga da fonte. Esa flor que se chama "flol da auga fría" traeará moita cousas bonitas...

En outras composicións populares teñen igual poder esta noite, a pinga de orballo que se agocha no cáliz dunha flor, que a moza atopa. Presentando unha variable desta crenza un romance no que Xesús, na cruz, é socorrido pola anduriña e a labandeira. En pago, o Señor, concédelles certos favores, entre os que destaca o da labandeira, esto é, que cando o día de San Xoán colla unha pinga de auga no pico e a deixe caer sobre unha moza que se bañe antes de saír o sol, esta sería feliz.
Corre, meniña,
vaite lavar
alá na fonte
te has de lavar,
e a fresca auga
desta amañecida
cor da cereixa
che tén que dar
Se arraiar,
se arraiará
tódalas meigas levará,
se arraióu,
xa arraióu,
tódalas meigas levou

Tamén teñen moita presenza nesta noite as flores e plantas. Ademais da preparación das xa coñecidas herbas de san Xoán (tamén tratadas noutra entrada deste blog), tamén se acostuma colocar ramallos de flores nas portas e fiestras das vivendas, porque existe a crenza de que as herbas protexen a casa contra as meigas, que tan presentes están nesta noite.






Outra das tradicións desta noite en Galicia sinala que se unha muller bota a clara dun ovo nun vaso de auga a media noite e o deixa durante toda a noite, pola mañá poderá descubrir con quen vai casar segundo a forma que adopte a clara callada. Ademais, este mesmo método do ovo, segundo se di, tamén serve para adiviñar o futuro dunha persoa, segundo a forma que tome.
Un monte de ideas: Máis experimentos





Vendo todo isto, ademais de gozar ao máximo da festa, podemos poñer da nos parte para atraer a sorte e escorrentar as cousas malas xa dende esa mesma noite.







FELIZ NOITE DE SAN XOÁN!!



XA COMEZA O VERÁN!!


NOITE DE SAN XOÁN



Ver a imaxe de orixe



AS SETE HERBAS DE SAN XOÁN




Ver a imaxe de orixe


NOITE DE 23 DE XUÑO

NOITE DE SAN XOÁN






Ver a imaxe de orixe

luns, 25 de maio de 2020




RICARDO CARVALHO CALERO





 PROFESOR DE PROFESORES E MESTRE DE MESTRES

Entrevista a Beni Vidal,  alumna de Ricardo  Carvalho Calero  e profesora do Eusebio  da Guarda

https://docs.google.com/document/d/1ivsez8KNfVpoo0_YqyRXg2-BSYTpSRLCXZLWh3Hc9Ck/edit




LETRAS GALEGAS 2020: RICARDO CARVALHO CALERO

















Entrevista a Beni Vidal, exalumna de Ricardo Carvalho Calero, hoxe profesora de Lingua e Literatura Galegas no IES Eusebio da Guarda 
(realizada polo alumnado de 1º de ESO do Centro)
-Bo día profesora, un pracer coñecela. En primeiro lugar queriamos agradecerlle que nos permita facerlle unhas preguntas sobre o seu antigo profesor e actual homenaxeado no Día das Letras Galegas para coñecelo mellor. 
P- Para comezar, como se sentiu vostede ao saber que un profesor seu ía ser homenaxeado no día das Letras Galegas? 
R- Bo día, sentín unha grande alegría, primeiro porque é unha honra ser alumna dun homenaxeado co Día das Letras Galegas, e segundo porque Don Ricardo o merecía. 
P-En que curso/s foi vostede alumna de Ricardo? 
R- Fun alumna del na USC no curso 1977-78 na materia de Lingua Galega, cando facía 3o de Filoloxía Hispánica e no 78-79 na materia de Literatura Galega I cando facía 4o. 
P- Era un bo profesor, é dicir, explicaba ben o temario? 
R- Era un profesor magnífico, dos que saben de todo, como aqueles homes do Renacemento que abarcaban todos os saberes. El seguía nas clases a súa gramática: Gramática Elemental del Gallego Común que publicara en 1974, pero o máis actractivo das súas clases eran as explicacións que facía de calquera das palabras que saían nos textos, podía falar toda unha hora das “chorimas” e dos “toxos ”ou do “rechouchío” dos paxariños. 
P- Desfrutaba vostede das súas clases? 
R-Si desfrutaba moito de todo o que nos contaba. 
P-Era o seu profesor favorito? Se o era, por que? 
R- Non sei se era o meu profesor favorito, pero admirábao polo que sabiamos da súa traxectoria vital, por ser o primeiro catedrático de Lingua Galega da USC e por desprender esa aura polos corredores, propia só daquelas persoas dignas de admiración. 
P- Se tivese que describilo coma profesor cunha palabra, cal sería? 
R- Compromiso. Comprometido coa lingua e comprometido con Galicia. 
P-As súas clases eran amenas ou aburridas? Contaba anécdotas? 
R- Xa dixen que era un saco de sabedoría e polo tanto nunca nos aburríamos porque sabía engaiolarnos coas palabras e anécdotas que contaba para acompañar as súas explicacións máis complexas. 
P- En canto a carácter, era bo ou soía estar enfadado? 
R- Lembro que era serio, esixente, cría no esforzo, era cordial, pero distante. 
P- Mandaba moitas tarefas? Corrixía rápido os exames? 
R-Non me lembro, pero debía ser bo porque non teño gravado na mente nada negativo. 
P-Era doado aprobar con el? 
R-Era esixente, pero ao que se esforzaba premiábao con boas notas. 
P-Tiñades que ler os seus libros? 
R-Non, as obras que liamos eran doutros autores da literatura Galega. 
P-E nas clases falábavos das súas obras? 
R-Non falaba das súas obras. 
P-Daba as clases en galego-portugues ou en galego -castelán? 
R-Falaba en galego e tamén en castelán, non lle importaba cambiar de lingua se precisaba explicar algo e así se entendía mellor. 
P-Enfadábase con facilidade se non atendía o alumnado? 
R-Lembro que non lle gustaba que se fumase na aula (porque naquel momento podíase facer) e algunha vez incomodouse moito e ameazou con marchar da clase se non deixaban de fumar. 
P-Aprendiches moito nas súas clases? 
R- Era a primeira vez que tiñamos unha materia de Lingua galega no ensino e gustábanos aprendelo academicamente. Tanto me gustou que nunca máis o deixei. 
P-Sabía transmitir a paixón pola lingua e a literatura aos seus alumnos? 
R-Era marabilloso escoitalo, como recitaba as cantigas medievais, como nos falaba de Cunqueiro ou como nos explicaba as sibilantes e o “yeísmo”. 
P-Tiña algunha frase típica que repetise ou algunha medida de disciplina característica del? 
R-Só lembro que nos trataba de “vostede”, era moi formal. 
P- De que maneira influíu na súa vida? Ter a Don Ricardo como mestre influíu na súa decisión de ser profesora? 
R- El fixo que amase a nosa lingua e tamén foi un exemplo de compromiso digno de imitar. 
P-Se o profesor estivese vivo, que pensades que diría sobre a supervivencia do galego? a confluencia co portugués podería servir para sobrevivir? 
R-Creo que a súa opción seguiría sendo a mesma hoxe: “a salvación do galego está no portugués”. 
P-Lembra se durante as súas clases facía referencia á represión vivida durante a Guerra Civil Española ou se era un episodio do que non adoitaba falar? 
R-Non adoitaba falar, pero todos sabiamos que fora un represaliado do franquismo, de aí o respecto que todos sentiamos por el. El era don Ricardo, o único a quen chamabamos así. 
P- E por último, cal cre que sería a súa reacción se soubese que foi homenaxeado no Día das Letras Galegas? 
R- Non sei, creo que máis ca por el, gustaríalle polo que representa a súa opción lingüística, tantas veces deostada e tamén polo legado da súa obra, un ben inmorredoiro na nosa Lingua e Literatura. 
- Moitas grazas por concedernos esta entrevista, ata logo! 
Esta entrevista foi realizada polo alumnado de 1o ESO do IES Eusebio da Guarda da Coruña, en lembranza do profesor Ricardo Carvalho Calero, homenaxeado este ano polas Letras Galegas. Foron coordinados/as polas súas profesoras de Lingua e Literatura Galegas Iolanda Vila e Dulce Fernández Graña. 
Alumnado participante: Shaila Gil Velasco, Mara Balay Martínez, Mario Rodríguez Díaz, Jorge Martín Moreno (1o ESO A). Lucía Bóveda Goyanes, Xacobe Carrero, Alexandre Fernández Cortiñas, Lola Fernández López, Ainara Guillermo Losada, Óscar Hermida Rodríguez, Martín Toja Caínzos, Manuel Torrado Sánchez, Lucas Valcuende Diz (1o ESO B). Joan Arias Gil, Tomás Boquete Viéitez, Lucas Castro Cano, Claudia Díaz López, Lucas Fernández Varela, Pablo Fraga Vidal, Yago Gómez Remuiñán, Héctor Gutiérrez Insua, Iria López Iglesias, Jorge Mujico Moreira, Raquel Oviedo Iglesias, Yolanda Rey Chenlo, Ainara Suárez Ochoa, Paula Vega Méndez (1o ESO C). Sebastián Birro Hurtado, Clara García Ouro, Brais Blanco González, Miguel Moya del Río, Mencía Fondo Santos, Icía Amboage Maneiro (1o ESO D). 

A Coruña, maio 2020