venres, 30 de outubro de 2020

 31 DE OUTUBRO

CELEBRACIÓN DAS LETRAS GALEGAS 2020

adicadas a

RICARDO CARVALHO CALERO




Ricardo Carvalho Calero naceu no ano 1910 en Ferrol, onde comezou a publicar os seus primeiros versos. Tras cursar por libre o Bacharelato, trasladouse a Compostela para estudar Dereito e Filosofía e Letras e cumprir co servizo militar. Aquí entrou en contacto co galeguismo e cos movementos culturais da altura, nomeadamente co Seminario de Estudos Galegos. Foi este un momento de intensa militancia política xa que se integrou no movemento nacionalista e tomou parte no activismo estudantil. Até 1932, en que gañou unha praza de funcionario municipal na súa vila natal, Carvalho Calero enviou numerosas colaboracións ás máis destacadas revistas literarias (A Nosa TerraNósGuiónGalizaResolUniversitariosPapel de Color) e principiou a publicación dos seus libros poéticos, primeiro en español e despois en galego.

O golpe militar sorprendeuno en Madrid e Carvalho posicionouse no bando republicano, entrando en combate como miliciano. Unha vez terminado o conflito, foi encarcerado, condenado por separatista e recluído no cárcere de Jaén. En 1941 o escritor regresou á súa cidade con liberdade condicional. Imposibilitado para exercer a función pública, refuxiouse no ensino privado (entre 1950 e 1965 no Colexio Fingoi de Lugo), continuando coa escrita en galego en todos os xéneros e restablecendo aos poucos o contacto cos galeguistas que ficaran no país. Paralelamente ao seu labor docente, desenvolveu nestes anos un importantísimo traballo investigador —iniciado coa súa tese de doutoramento, «Aportaciones a la literatura gallega contemporánea»— que tivo como froito máis valioso a publicación en 1963 da Historia da literatura galega contemporánea. Tamén nesta época, en 1958, ingresou na Real Academia Galega co discurso «Contribución ao estudo das fontes literarias de Rosalía. En 1963 obtivo por oposición a praza de adxunto no Instituto Rosalía de Castro, en Santiago de Compostela, e en 1972 superou as probas que o converteron no primeiro catedrático de Lingua e Literatura Galega da Universidade de Santiago de Compostela.



Ningún comentario:

Publicar un comentario