venres, 20 de decembro de 2019

O NADAL

Coa colaboración da coordinadora de ESO e titores e titoras dos diferentes grupos, os grupos de ESO fixeron carteis para a celebración previa ás vacacións de Nadal.






Bo Nadal desexa  EDLG do centro a toda a Comunidade Educativa e Feliz e venturoso 2020.
Ata a volta!!!

venres, 29 de novembro de 2019

CELEBRACIÓN DO DÍA DA CIENCIA EN GALEGO


Seguindo coa  exitosa actividade desenvolvida o curso anterior polo departamento de Física e Química, coa elaboración da táboa dos elementos químicos periódicos en galego  por parte de diferentes cursos, os traballos dos mesmos serán  expostos ao longo e ancho das cortizas dos corredores do centro, desde fins de novembro ata comezos de febreiro de 2020, segundo as diferentes clases.



A cargo da profesora Mª Dolores Blanco. Novembro 2019.

venres, 15 de novembro de 2019

MAGOSTO 2019


O venres 15 de novembro, a pesar do reto que supuxo conseguir ter listo un espazo viable para levar a cabo a festa, por mor desas obras que van a mellorar o acondicionamento do instituto, pero que parecen non ter fin, e coa gran implicación da dirección do Centro, o Equipo de Dinamización da Lingua Galega puido organizar o MAGOSTO 2019.

Novamente os castañeiros nos ofreceron as castañas asadas que son o elemento indispensable da festa.









Degustamos a saborosíiiisimas castañas, en abundancia. Compartimos o rato de lecer cos compañeiros e compañeiras, coa ilusión dese comezo festivo do outono.
Ademáis, e igualmente importante para o desfrute de todos, contamos con varios grupos de alumnos e alumnas que nos ofreceron os bailes tradicionais galegos e a música ancestral coa que nos acompañamos en todas aquelas ocasións nas que celebramos as nosas festas, as que herdamos dos nosos antepasados, nas que continuamos a recoñecernos.

Importantísimo resaltar a implicación deses alumnos e alumnas que ensaiaron desde comezo de curso para que puideramos gozar coas súas actuacións. Un grupo de alumnas de 1º de bacharelato, xa experimentadas, repetiron a súa desinteresada colaboración do curso anterior; outro grupo de alumnos e alumnas de 1º de ESO, 2º de ESO...comezaron este curso amosándonos a súa arte.
Grazas a todos e todas pola súa colaboración.
Grazas  tamén ao profesorado colaborador,especialmente os titores e titoras,  á dirección pola implicación e á AMPA, pola colaboración económica.
Parece que todos o pasamos ben, á vista das imaxes.
Ata o ano!!!!







mércores, 13 de novembro de 2019

"UNIVERSO CORUÑENTO" DE XURXO SOUTO. ÁGORA.


O mércores 13 de novembro de 2019, ao abeiro das actividades ofertadas polo Concello da Coruña para o alumnado de secundaria do presente curso escolar 2019-2020, departamento de Normalización Lingüística, asistimos  ao Auditorio do Centro Ágora, para participar no espectáculo "UNIVERSO CORUÑENTO", DE XURXO SOUTO.

As catro clases de 4º de ESO acudiron, acompañadas de seis profesores, ao espectáculo de imaxes, palabra e música, no que o cantante, escritor, profesor, divulgador...e moitas máis cousas, Xurxo Souto nos fixo reflexionar acerca do noso coñecemento da nosa cidade, proporcionándonos algúns datos   e historias descoñecidos por moitos ,e outros pola case totalidade dos asistentes participantes.

Compartimos con outros institutos de secundaria a experiencia, e tras aprender e cantar e berrar, regresamos ao centro sen novidade (e sen mollarnos), e coa conciencia de que nos faltan por coñecer moitas historias do noso entorno máis cercano, e que moitos nomes  antigos vencellados a diferentes lugares da cidade están en perigo de desaparición e, con eles, a nosa historia, que é unha parte importante do que somos hoxe: CORUÑESES /CORUÑENTOS.










Velaí unhas fotos do grupo no exterior.


Tamén a unidade didáctica da actividade, de grande interese.



mércores, 30 de outubro de 2019







SAMAÍN  2019


Celebramos, outro ano, a festa do Samaín no Eusebio.
Algúns din que é unha festa importada de América e outros refiren antigas celebracións comúns a Galicia e outras nacións  poboadas polos celtas en épocas moi lonxanas, que se foron pasando de lugar en lugar. Importa?
Nós decidimos celebrar a festa dos mortos coas decoracións DE MEDOOOOO!!! das portas das aulas. Este ano, con especial coidado para non manchar ou deteriorar todo aquilo que se está a arranxar no centro.
Tamén por mor das obras, a decoración soamente será nas aulas de 1º a 3º de ESO.
A aula gañadora recibirá UN CALDEIRO DE CHUCHES de premio.
................

A celebración resultou un verdadeiro éxito.
Cada vez máis conseguidas as decoracións, máis elementos en xogo, incluso pequenas representacións de grupos de alumnado.
O nivel de participación, altíiiiisimo. 

Parabéns a todos os participantes.
Vede as portas decoradas:









E parabéns especialmente aos grupos gañadores: 2º ESO V e 3º ESO D.
Recibiron tamén accésit un grupo de 1º de ESO  e un grupo de 2º de ESO

luns, 16 de setembro de 2019

Benvida ao curso 2019-2020



CURSO 2019-2020

O Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES Plurilingüe Eusebio da Guarda quere  dar a benvida a toda a comunidade educativa e invitar a todos e todas a participar nos labores do equipo. Agardamos que moitos/as  se sumen ao grupo este ano e que as actividades resulten de interese, disfrute e proveito.
Bo curso!

xoves, 13 de xuño de 2019

Ruta Pondaliana


RUTA PONDALIANA

29 de abril de 2019
SUMARIO
  • Dolmen de Dombate.
  • Castro de Borneiro.
  • Ofrenda floral ao bardo en Ponteceso.
  • Ruta Pondaliana O Val Nativo.
  • Praia de Balarés.

Dentro das saídas complementarias organizadas polo Equipo de Dinamización da Lingua galega do IESP Eusebio da Guarda, en colaboración con outros departamentos didácticos, especialmente co departamento de Lingua galega e literatura, o departamento de Xeografía e Historia e o departamento de Bioloxía e Xeoloxía, o luns 29 de abril tivo lugar a saída a Ponteceso, localidade natal do excelso poeta galego Eduardo Pondal, autor da letra do Himno galego.
Acompañados por profesorado dos departamentos citados, alumnado dos cursos de 1º de bacharelato, visitou o dolmen de Dombate e o castro de Borneiro, guiados polo historiador don Ángel Eiroa, a quen agradecemos a súa inestimable colaboración, que explicou amena e pormenorizadamente os importantes restos do noso pasado, tan vinculados á poesía de Pondal.
Posteriormente, tras facer unha ofrenda floral no Monolito adicado ao poeta na Praza do recheo de Ponteceso, así como unha lectura de poemas por parte do alumnado e a interpretación do Himno galego, alumnado e profesorado recorreu a ruta pondaliana O Val Nativo, parando a ler os poemas en cada un dos monolitos conmemorativos.
Ademais de disfrutar da natureza que inspirou ao poeta e observar as aves dende un miradoiro á beira do río Anllóns, tras o xantar na vila natal de Pondal, a viaxe continuou coa visita á praia de Balarés e disfrute do marabilloso entorno natural que inspirou ao poeta.

sábado, 20 de abril de 2019

Saída complementaria 2º ESO: Visita a Lugo

O luns 25 de marzo levouse a cabo a actividade organizada polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega (EDLG) deste IESP, en colaboración cos departamentos didácticos de Lingua Galega e Literatura, Xeografía e Historia, Bioloxía e Xeoloxía, e Relixión Católica, para o alumnado de 2º de ESO: VISITA A LUGO.
A actividade incluíu:
  • Visita con guías ao Museo Provincial de Lugo
  • Visita á Catedral de Lugo.
  • Paseo pola cidade histórica de Lugo.
  • Paseo ao longo da Muralla romana, coa observación das distintas portas.
  • Xantar no parque da cidade, no balcón do Miño.
  • Breve visita ás Termas romanas.
  • Visita á ponte romana sobre o río Miño.
  • Paseo pola beira do Miño
O alumnado estivo acompañado por profesorado dos distintos departamentos didácticos.
Velaiquí algunhas fotos da saída:







xoves, 11 de abril de 2019

Saída complementaria 1º ESO: Visita á Costa da Morte

O luns 1 de abril desenvolveuse a actividade VISITA Á COSTA DA MORTE "Polas paisaxes de Volverás, golfiño, de Andrea Maceiras", para o alumnado de 1º de ESO, organizado/coordinado polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega (EDLG), en colaboración con varios departamentos didácticos, e en relación con diferentes proxectos a desenvolver neste curso 2018-2019 (Proxecta 1º ESO: " O noso mar, o noso sustento", Proxecto do EDLG "COÑECER GALICIA").
A actividade incluíu:
  • Visita a Camelle.
  • Visita á igrexa do Espírito Santo (interior, campás).
  • Visita ao entorno do Museo MAN.
  • Paseo polo entorno do Areal do Trece, Monte Branco... ata o Cemiterio dos Ingleses.
  • Xantar no entorno natural da praia de Ariño.
  • Actividade de sensibilización e coidado en relación a ese entorno natural (limpeza posterior ao xantar).
  • Sensibilización do alumnado cara á sostenibilidade do marco natural (enerxías renovables, Parque eólico de cabo Vilán).
  • Breve visita a cabo Vilán. Foto final do grupo de alumnado e o profesorado acompañante.
O EDLG e profesorado organizador e acompañante agarda que a actividade fora agradable e proveitosa ao alumnado.